CRTVG

Buscar

A área sanitaria da Coruña empeora por oitavo día consecutivo

Publicado o 17/06/2021 15:15

Empeoramento lento, pero progresivo, na área sanitaria da Coruña e Cee.

"Débese a que as medidas se van relaxando e a que as persoas se van relaxando. A vacinación ten un efecto positivo, pero lentamente positivo", explica Álvaro Mena, médico internista do CHUAC.

Hai un total de 410 enfermos de coronavirus, 9 máis ca onte. Deles, 18 están hospitalizados en planta e 7 na UCI. Precisamente nesta unidade atenden, a día de hoxe, enfermos por debaixo dos 60 anos. Entre eles, hai unha muller embarazada de 35 anos, malia que non por estar grave, senón para tela máis controlada por se houbese calquera complicación.

"Seguimos tendo unha taxa de ocupación en planta baixa respecto ao que tivemos nas ondas previas, sobre todo na terceira, pero son pacientes moi novos, que non están vacinados, e algúns empeoran ou ingresan na UCI", engade Álvaro Mena, médico internista do CHUAC.

Nestes momentos, A Coruña conta cunha incidencia de 76, ao rexistrar 187 contaxios nos últimos 15 días e 114 na última semana. Malia que Camariñas e Malpica subirán este sábado de nivel de restricións, A Coruña, Arteixo, Culleredo e Oleiros son os concellos onde se están producindo máis contaxios.

Noticias web

17/06/2021