CRTVG

Buscar

A área sanitaria da Coruña e Cee rexistra 74 casos activos máis

Publicado o 14/08/2020 15:01

Nova suba significativa dos casos de covid-19 na área sanitaria da Coruña-Cee que acada os 618 casos activos, máis da metade dos máis de 1050 de Galicia.

Son 74 máis nas últimas 24 horas, segundo datos do Sergas. E hai 32 persoas hospitalizadas. Empeoramento do que se desprende que persiste a transmisión comunitaria que levou a Consellería de Sanidade a manter as restriccións na área metropolitana da Coruña.

As limitacións están a pasar factura á hostalaría e o ocio nocturno, sobre todo, despois de que o TSXG rexeitara adoptar as medidas cautelarísimas, tal como pedía o sector, para suspender de forma inmediata as restricións. Aínda así, agardan que a xustiza lles dea a razón.

Hoxe os hostaleiros de varias zonas da cidade como o Orzán ou Panadeiras convocaron unha protesta silenciosa na praza de María Pita en sinal de loito pola profesión. Defenden que son un dos sectores que máis cumpre cos protocolos anticovid.

Esta fin de semana Tráfico intensificará os controis nos accesos á cidade da Coruña e aos concellos da área metropolitana ante a previsión de desprazamentos a outros lugares onde está permitido o ocio nocturno.

 

Noticias web

14/08/2020