A área de Vigo pon en marcha unha nova unidade de coidados respiratorios intermedios
A nova unidade de coidados respiratorios intermedios que a área de Vigo acaba de poñer en marcha é para pacientes covid cun nivel de gravidade entre a hospitalización e a UCI. Xa está funcionando no hospital Álvaro Cunqueiro.
Así, é unha unidade para pacientes que necesitan coidados máis complexos que os da hospitalización, pero que non chegan ao nivel de críticos.
As terapias aquí non son invasivas e, a diferenza das UCI, non necesitan intubación.
O conselleiro de Sanidade visitou esta mañá a unidade, onde hai actualmente catro pacientes ingresados.
Os profesionais destacan que, coa creación desta UCRI, se optimiza a organización dos coidados.
Os obxectivos, segundo explica María Torres, pneumóloga do hospital Álvaro Cunqueiro, son "organizar un pouco máis a unidade para que todo funcione o mellor posible, teñamos todo o material dispoñible ben localizado, o persoal de enfermería máis adestrado e, polo tanto, máis adecuado para tratar estes pacientes".