CRTVG

Buscar

A área de Santiago, a primeira en entrar nos parámetros da nova normalidade

Publicado o 17/06/2021 15:35

A tendencia xeral da covid en Galicia é de retroceso, e os datos deixan xa a primeira área sanitaria completa en parámetros de nova normalidade. Trátase da área de Santiago, que conta con só 23 casos por cada cen mil habitantes.

Datos positivos e esperanzadores, máis aínda se nos fixamos na indencia a 7 días, que está en sete casos por cen mil detectados na última semana. Boas cifras tamén canto a ocupación hospitalaria. Hoxe no CHUS temos só catro pacientes covid. Chegou a haber 130 en planta e 65 persoas ingresadas en UCI simultaneamente como consecuencia da enfermidade por coronavirus. A fórmula do éxito é coñecida: un seguimento exhaustivo dos contaxios e un pulo no ritmo de vacinación.

"Un seguimento moi activo, uns cribados moi intensivos nas zonas, nas empresas, nos colexios. A verdade é que estamos moi contentos e evidentemente é un labor que se debe sobre todo á vacinación", explica Eloína Núñez, a xerente da área de Santiagqo, que pide ler os datos con cautela. Pero os números invitan ao optimismo. Hai que remontarse máis dun ano no calendario para atopar uns datos como os que ten hoxe o CHUS.

A capital de Galicia entra tamén en parámetros de nova normalidade, e só catro persoas en toda a área precisan de coidados hospitalarios. Poucos e, mesmo así, algúns serían evitables.

"É moi triste, decepcionante, atoparnos con que ingresamos no hospital ou na UCI unha persoa que ou rexeitou a vacinación cando se lle puido poñer ou lle quedaba unha semana para estar vacinado", lamenta o intensivista Pedro Rascado.

Os que cada día, coma hoxe, acoden aos puntos de vacinación fano por protección persoal, pero tamén por un sentido de responsabilidade colectiva. 

"Diríalles que a vacinación é unha responsabilidade colectiva e se queremos ter a posibilidade de facer unha vida normal no traballo, ou estar coa familia e os fillos, deben vacinarse", engade a inmunóloga África González.

Explican os expertos que a covid se frea en colectivo, pinga a pinga, cada un de nós coma un fío dunha gran rede cada día máis espesa para evitar que o virus poida coarse.


 

Noticias web

17/06/2021