CRTVG

Buscar

A área de Santiago, con 813 casos activos, está pendente da reunión do comité clínico

Publicado o 20/10/2020 14:08

Santiago está pendente da reunión do comité clínico desta tarde. Nas últimas 24 horas confirmáronse con probas PCR 87 novos casos de coronavirus na área sanitaria de Santiago- A Barbanza.

O número de infectados supera os 800, medio centenar máis que onte. Case a metade dos casos corresponden á capital galega, onde hai 341 contaxiados, segundo informou o Concello.

A repunta de contaxios nos últimos días mantén os concellos de Santiago, Ordes e Ames en alerta máxima.

En Ordes son 37 os infectados, 9 máis dos que se contaban o venres, e catro dos enfermos están hospitalizados.

Mentres, en Ames van a menos os casos activos. Tras rematar o cribado a case 4.000 veciños por un gromo no Milladoiro, agora hai 81 contaxiados e máis de duascentas persoas están en seguimento por contacto con positivos. 

As cifras de hospitalización na área sanitaria son similares ás de onte: 47 persoas están ingresadas e sete delas precisan Coidados Intensivos. Onte pola tarde o Sergas notificou os falecementos dunha muller de 84 anos e dun home de 80 diagnosticados de coronavirus, que estaban ingresados no hospital de Santiago.

Noticias web

20/10/2020