CRTVG

Buscar

O brote da Mariña rexistra 22 contaxios máis e os casos activos ascenden a 119

Publicado o 06/07/2020 12:57

Os últimos datos facilitados polo Sergas confirman 22 contaxios novos na Mariña, o que eleva o número total de infectados polo brote en 128. Con todo, nestes momentos xa superaron a enfermidade 9 persoas, polo que o número de casos activos na Mariña é de 119.

Catro persoas permanecen ingresadas no hospital da Costa en Burela por precaución, pois a súa evolución é favorable. 

Os casos na provincia aumentan menos ca onte

A área de Lugo rexistra hoxe 26 casos activos máis ca onte debido ao brote da Mariña. Actualmente son 143 os contaxiados na provincia, aínda que a gran maioría pertencen á comarca agora confinada. Con todo, o aumento de casos hoxe (+26) é menor que a de onte (+30).

Galicia rexistra hoxe 4 casos activos menos, grazas aos descensos no resto das áreas. En Ferrol e en Pontevedra quedan só 2 casos activos e en Ourense unicamente 3.

En canto ao número de hospitalizacións, non hai variacións. Continúan seis persoas ingresadas en planta, ningunha delas en UCI. Aumenta o número de curados en 32 ata os 10.808. As PCR totais achéganse ás 200.000. Nas 24 últimas horas fixéronse máis de 2.200.