CRTVG

Buscar

A área da Coruña é a que máis preocupa: soben os casos activos e as hospitalizacións

Publicado o 24/06/2021 15:24

A área sanitaria da Coruña e Cee segue a ser a que máis preocupa de Galicia por mor da incidencia da covid-19. Os novos casos activos encadean máis de quince días de lixeira repunta.

A curva da covid segue a tendencia das dúas últimas semanas e volve repuntar. Hoxe son 478 os casos activos, 14 máis ca onte. Tamén hai unha pequena repunta nas hospitalizacións. Hai 16 persoas ingresadas en planta, 3 máis ca nas últimas 24 horas, e nas UCI segue habendo seis pacientes. Con esta situación, na Coruña, van reforzar a atención intensificando os rastrexos e os cribados para poder controlar os contaxios.

Malia que son discretas subidas, a área sanitaria da Coruña e Cee segue empeorando. Hai 14 casos activos máis e xa son 478 as persoas que están pasando a doenza. Amais, este xoves rexistráronse 27 novos contaxios confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

A incidencia acumulada a 14 días roza os 70 casos por cada cen mil habitantes, cando no resto de Galicia está nos 41. Así que para controlar os contaxios van intensificar os rastrexos e os cribados. Da área coruñesa, os concellos máis afectados son Camariñas e Malpica que van permanecer no nivel medio de restricións ao que, a partir deste sábado, vai ascender Cambre.

Unha medida que vai afectar a hostalería, xa que terá limitacións tanto no interior coma no exterior dos seus negocios. Na Coruña, a taxa de positividade nos últimos 7 días é do 2,6 por cento que é 0,7 puntos por riba da media galega. Por isto, piden especial cautela.

 

Noticias web

24/06/2021