CRTVG

Buscar

A aparición dunha nova boca obriga a desaloxar outros 700 veciños

Publicado o 21/09/2021 08:29

En Tacande viven unhas 700 persoas, desaloxadas esta noite. Son veciños próximos á nova boca eruptiva. Dous sismos, un de magnitude catro, ás nove e media, e outro algo máis feble ás doce, hora local, aumentaron o nerviosismo. Para facilitar os labores do operativo, o Cabido da Palma avisou de que se sancionaría as persoas que circulasen por estrada á altura deste municipio, O Paso, sen que fora estritamente necesario. 

Desta maneira, esta mañá xa eran arredor de seis mil as persoas que están fóra das súas casas por causa do volcán. Con todas as incógnitas abertas neste momento, mirando fluír a lava. Salvar os animais, especialmente o gando, é outra preocupación. Os agricultores temen non só o estrago dos cultivos, tamén non dar accedido a eles. A lava ameaza unha das maiores zonas de produción de plátano de Canarias.

Trabállase nun plan de continxencia para a auga de regadío. Aumentaron os transbordadores á Palma, que trasladan científicos, efectivos que van traballar á zona... e viaxeiros que queren ver a erupción. Outros volven á casa. Hai movemento tamén no aeroporto. As clases continúan suspendidas en varias localidades, pero, superadas as primeiras horas da erupción, o hospital da Palma vai retomando a súa actividade ordinaria.

 

Noticias web

21/09/2021