CRTVG

Buscar

A AP-9 é a autoestrada que máis incrementa o seu prezo

Publicado o 02/01/2019 08:37

Ás doce en punto da noite pasada entraron en vigor os novos prezos da Autoestrada do Atlántico, unhas tarifas que sitúan a AP-9 como a autoestrada que máis sobe a nivel estatal. Finalmente, a viaxe por esta vía reprezarase un 3,51%. É case un punto máis ca as dúas seguintes que máis encarecen, a de Alacante-Cartaxena e a de Málaga-Pedrizas.

A autoestrada galega sobe case dous puntos por riba o incremento medio. Co proceso xa iniciado da súa transferencia a Galicia, o Ministerio de Fomento explica que se trata dunha escalada excepcional xustificada polo custo das obras de ampliación en Rande e no treito de Santiago de Compostela. A suba súmase a outra no pasado outubro e encarece o prezo preto dun 6% nos últimos meses.

Non será a única onde soben os prezos. O grupo Globalvía aplica tamén unha suba equivalente ao IPC na autoestrada central galega, desde Santiago a Dozón, todo no medio de fortes críticas dos usuarios e dos concellos do Deza polos problemas de drenaxe no carril dereito. Soben tamén as autoestradas de titularidade galega. A AG-55 entre Coruña a Carballo e AG-57 entre Vigo e Baiona soben un 2,15%.

Noticias web

02/01/2019