CRTVG

Buscar

A AP-9 será unha das tres únicas autoestradas españolas que subirá as peaxes en 2021

Publicado o 30/12/2020 20:52
A AP-9 será unha das tres únicas autoestradas españolas que subirá as peaxes en 2021

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana anunciou nun comunicado que, excepcionalmente, tres autoestradas serán obxecto dunha suba de tarifas a partir de 1 de xaneiro, entre elas, a AP-9.

O Ministerio explica que dado que ás reducións aplicadas hai que engadir subidas graduadas previstas anteriormente para financiar custos relacionados con excesos de valoración de expropiacións, execución de obras ou financiamento de bonificacións de peaxe, así como para compensar a non aplicación de incrementos de tarifas inicialmente previstas.

Estas autoestradas serán a AP-7 Alacante-Cartaxena, cun incremento do 0,89 %; a autoestrada AP-9, cunha subida do 0,92 %; e, finalmente, na autoestrada AP-6, Villalba- Adanero, cuxas tarifas variarán un 0,74 %.

Polo contrario, o Ministerio rebaixará con carácter xeral un 0,11% as actuais tarifas das autoestradas dependentes do Estado para partir do 1 de xaneiro de 2021. Na actualización tarifaria non se inclúen as autoestradas xestionadas por Seittsa, para as cales seguen vixentes as tarifas aprobadas polo Acordo do Consello de Ministros do 14 de decembro de 2018.

Así, a partir do 1 de xaneiro as actuais tarifas das autoestradas dependentes do Estado aplicaráselles unha rebaixa do 0,11% con carácter xeral, aínda que, pola evolución dos tráficos respecto a os previstos, a redución será do 0,08% nas autoestradas AP-66 Campomanes-León, AP-68 Bilbao-Zaragoza; AP-2 Zaragoza-Mediterráneo e AP-7 A Jonquera-Tarragona.

Conxelación das peaxes

Audasa sinalou nun comunicado que este 2021 conxela a peaxe para vehículos lixeiros en 26 tramos dos 48 que forman a AP-9, a autoestrada que vertebra Galicia, fronte as críticas emitidas desde diferentes administracións e colectivos pola suba do 0,92% desde mañá, feito que convirte esta infraestrutura na máis cara de toda España.

A vía, cun coste de 0,11 euros por kilómetro, mantense en cambio, segundo sinala Autopistas do Atlántico na nota, un 6,6% por debaixo da media española de prezos de autopistas do Estado e un 39,2% no caso de viaxes en coche ida e volta no mesmo día que empleen telepeaxe (0,09 euros/km). O 67% dos tránsitos que anualmente se realizan por autoestrada, subliña o escrito, non verán "incrementadas" as tarifas no 2021.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou a actualización das tarifas das autoestradas dependentes da Administración Xeral, que inclúen no caso da AP-9 un incremento do 0,92% a aplicar desde a medianoite do 1 de xaneiro.

As peaxes aprobadas polo Goberno para 2021, sinala a concesionaria, inclúen a subida extra derivada das obras de ampliación da circunvalación de Santiago de Compostela e da Ponte de Rande, "que foron financiadas de maneira íntegra por Audasa".

O orzamento de ambos proxectos, expón Audasa, supera os 356 millóns de euros, incluído IVE e costes financeiros. Por último, recorda Autopistas do Atlántico que houbo un 29,43% menos de tráfico no 2020, pola baixada da intensidade media diaria entre xaneiro e novembro, con respecto ao mesmo periodo de 2019.