CRTVG

Buscar

As ANPA galegas piden instrucións xa para o próximo curso

Publicado o 30/04/2020 07:13
As ANPA galegas piden instrucións xa para o próximo curso

A asociación de ANPA galegas agradeceu este mércores que a consellería de Educación publicase as instrucións para a fin de curso actual, pero urxen xa "medidas máis concretas que acheguen certa seguridade á hora de afrontar o curso próximo".

Nun comunicado insisten na necesidade de elaborar un plan educativo a medio e longo prazo "que evite a situación de desorganización educativa que estamos a vivir" na actualidade.

Piden que na elaboración das novas directrices se teña en conta toda a comunidade educativa para que sexan unhas normas que dean atendido todas as necesidades detectadas desde que concluíu o curso de maneira presencial.

Neste sentido, insisten en buscar solucións para a fenda dixital existente, "que non é cuestión só de computadoras e conexións", senón que tamén precisa de formación obrigada para toda a comunidade educativa.

Tamén solicitan que se baixe o cociente de alumno por aula e que se aumente a presenza do profesor de apoio nas aulas debido a que o alumnado que máis sufriu a ausencia de clases presenciais foi o que presenta necesidades especiais, conclúen.