A anguria invade A Mariña a escasas horas do remate do prazo para vender a factoría de Alcoa
• Miles de persoas reivindican a continuidade da produción de aluminio primario en San Cibrao
• Políticos de diferentes formacións apoian o berro desesperado dos empregados da planta
Conta atrás para que se decida o futuro de Alcoa. Remata o prazo para negociar a venda da planta de San Cibrao e, ante a ameaza de ERE, a Mariña luguesa volveuse botar á rúa para apoiar as 534 familias que poderían perder o seu posto de traballo. Eses son os afectados directos, pero son milleiros os indirectos.
A factoría de Alcoa é o motor económico do norte de Lugo e na mobilización de hoxe participaron alcaldes e veciños de case todos os concellos da bisbarra. Todos queren estar a carón dos traballadores nestes momentos de espera e tensa vixilia.
Os traballadores de Alcoa levaron ata alí as súas reivindicacións nun intento xa case desesperado por intentar manter os seus postos de traballo. Porque esta medianoite remata o prazo que a empresa ten para pechar a venda da factoría ao seu potencial comprador, Liberty House.