CRTVG

Buscar

A anciá atacada por dous cans en Melide evoluciona ben, pero lentamente

Publicado o 05/09/2019 14:18

Pendente aínda de novas intervencións cirúrxicas, a anciá atacada por dous cans en Melide evoluciona ben. Segundo nos contaron os seus familiares, a muller, de 89 anos, estivo consciente en todo momento e lembra con detalle o que pasou cando o domingo pasado regresaba á súa casa para comer e dous cans de raza perigosa se abalanzaron sobre a súa cabeza.

Manuel atende a casa da súa tía, mentres ela segue ingresada no Hospital Provincial de Conxo. Asegura que aínda ten para longo. Xa está en planta pero aínda ten operacións pendentes: "Ten operacións pendentes, dúas ou tres, aínda non se sabe. Fáltalle todo esto, a orella non sei como estará... Non sei como pode pasar iso".

Explica que Mercedes, de 89 anos, non perdeu en ningún momento a consciencia e lembra con detalle o que pasou. Ela volvía á casa para comer, contra a unha e media do mediodía do domingo, cando os cans, dous American Stafford, se abalanzaron sobre ela: "Ela recorda que a colleron os cans, por aquí por detrás. Arrastrárona case dous metros ou tres. Hai dous bancos, de banco a banco quedou no medio".

A raza dos cans é das consideradas potencialmente perigosas. Segundo as testemuñas, ían sen bozo e a cargo dunha muller que non foi capaz de suxeitalos. Afortunadamente, axudárona uns ciclistas que pasaban pola zona: "Nin a señora daba collido os cans. Non tiña forza para aguantar os dous cans. Entón chegaron os dous rapaces e xa lle botaron unha man, pero aínda lles custou traballo".

O asunto está en mans do xulgado de Arzúa que xa solicitou a documentación dos cans e a cartilla de vacinación. A vítima, de momento, non prestou declaración debido ao seu delicado estado de saúde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/09/2019