CRTVG

Buscar

A agresión a Ibrahima, o senegalés que axudou a Samuel, será xulgada nunha peza separada

Publicado o 19/08/2021 14:24

• Unha vintena de testemuñas prestaron declaración esta semana

• A análise do ADN involucra directamente a Diego e Alejandro no crime de Samuel

As declaracións de testemuñas para esclarecer a forma en que se produciu o crime de Samuel Luiz continuou esta semana no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, coa declaración dunha vintena de testemuñas. Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que sinala que o xuíz que dirixe nestes momentos a causa tomou declaración a persoas que se atopaban nas inmediacións do lugar dos feitos, ocorridos na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña.  

Das 20 testemuñas, precisa que a maior parte deles son "da contorna dos presuntos agresores, aínda que tamén da vítima ou que se atopaban no interior do pub onde previamente coincidiran os sospeitosos e o falecido". Declararon tamén en calidade de testemuñas as dúas persoas que auxiliaron a Samuel Luiz, dous homes senegaleses dos que un, ao tentar axudarlle, resultou tamén agredido.  

Sobre a agresión que sufriu esta persona, Ibrahima, cando trataba de protexer a vítima, confirma que dará lugar a unha causa separada que se abordará noutro procedemento, tal como se acordou nun auto do 3 de agosto.  

Mentres, o xulgado está á espera de recibir informes de carácter policial. E é que aínda faltan os resultados de probas de ADN e do envorcado de datos de móbiles e de redes sociais, segundo informaron responsables policiais sobre a investigación en relación a este caso.

Polo mesmo, están investigadas seis persoas, catro adultos e dous menores. Dos primeiros, tres atópanse en prisión provisional e unha cuarta, unha muller e noiva dun deles, en liberdade con cargos, con obrigación de comparecer no xulgado. Para todos eles, Fiscalía e acusacións piden delito de asasinato. Outros dous mozos, un con antecedentes, atópanse internados nun centro de menores ao non ter 18 anos cando se produciron os feitos.  

Segundo se recolle no sumario, de acordo co que apuntaron testemuñas nas súas declaracións, unhas dez persoas participaron na agresión a Samuel. 

O resultado das probas de ADN involucra directamente dous dos acusados no crime de Samuel. Un deles é Diego Montaña. Segundo recolle o sumario, na fronte e no rostro de Samuel atoparon restos biolóxicos seus. O outro é Alejandro Freire, alcumado Yumba.

O escrito recolle que do frotis realizado nos cristais rotos recollidos ao longo do paseo marítimo da Coruña, onde se produciu a brutal agresión, recolleron ADN coincidente con el. Para chegar a estas conclusións, técnicos da Policía Xudicial analizaron o ADN da vítima e dos seis acusados, ata o momento, pola da súa morte; catro maiores de idade, dos que tres permanecen no cárcere de Teixeiro, e dous menores, de 17 anos, internados nun centro.

Os médicos atoparon un total de 46 lesións no corpo de Samuel

O sumario recolle tamén o informe forense que é demoledor. Os médicos atoparon un total de 46 lesións no corpo de Samuel. Tiña derramos no encéfalo, no corazón e edemas nos pulmóns. O informe revela que o mozo, de 24 anos, morreu por un traumatismo provocado por unha multitude de puñadas na cabeza e polos golpes cunha botella. A vítima tiña amais unha ferida aberta de 10 centímetros na cabeza e unha morea de golpes por todo o corpo.

Este informe recolle tamén que os forenses examinaron as pezas de roupa que Samuel levaba postas a fatídica madrugada do pasado 3 de xullo e espefican que a súa camiseta non estaba entre as pertenzas.

 

Noticias web

19/08/2021