CRTVG

Buscar

A ameixa xaponesa págase en xullo a prezos de Nadal

Publicado o 29/07/2021 14:39

Semella que ao marisco das Rías Baixas o virus non lle senta mal. Os prezos aumentan todos os veráns polo aumento do consumo, pero o deste ano está sendo rechamante. 

"O marisco de cuncha está a prezos de Nadal xa, e o camarón, a nécora, boi ou lumbrigante están igual ca en decembro. O marisco no verán hai que pagalo. Vés en setembro ou outubro e está nun prezo máis asumible", comenta Nardo, da peixería da lonxa do Grove.

"Estanos indo moi ben. Eu creo que é porque non está entrando marisco de fóra e favorécenos", di Lola Gondar, vicepatroa da Confraría do Grove.

Nesta vila, a nécora superou os 60 euros e o camarón poxouse na lonxa a máis de 140. As ameixas acadan prezos nunca vistos neste mes. Especialmente, no caso da xaponesa. 

"A máis grande está entre 21 e 22 euros; a mediana, entre 19 e 20 euros, e a pequena, sobre 12 e 14 euros", concreta Lola Gondar. Cambados, Sanxenxo, O Grove... O Salnés gaña 30.000 habitantes no verán. Visitantes que valoran moito o que ven e o que comen. 

"Non nos parece moi caro para a calidade que ten o produto", opina un turista de Montiel, en Cidade Real.

As restricións na hostalería do inicio da pandemia causaron incerteza no marisqueo. As de agora semella que non afectan demasiado, polo menos desde o punto de vista do prezo.

Noticias web

29/07/2021