CRTVG

Buscar

A ameaza de cárcere do Goberno de Portugal frea a folga de transportistas no país

Publicado o 13/08/2019 15:52

En Portugal, a segunda xornada de folga dos transportistas vén marcada pola intervención do exército despois de que os folguistas incumpriran os servizos mínimos decretados polo Goberno. Centos de gasolineiras están desabastecidas.

O incumprimento dos servizos mínimos fixo que o Goberno luso tomara medidas extraordinarias e recorrera á Garda Nacional Republicana para garantir a subministración de gasolina, escoltando e mesmo conducindo camións. O Consello de Ministros aprobou a requisitoria civil, co que pode obrigar legalmente os folguistas a volver ao traballo e aplicarlles ata penas de cárcere se se negan.

Os servizos mínimos son do 100 por cento para os prioritarios, do 75 por cento para transporte público e do 50 por cento para particulares. As consecuencias da segunda xornada de folga nótanse nas gasolineiras portuguesas, máis de 500 están desabastecidas, pero tamén nas galegas fronteirizas con Portugal, onde hai máis traballo do usual.

Esta é a segunda folga convocada polos transportistas no que vai de ano que reclaman que a patronal do sector cumpra o acordo asinado tras o anterior paro, que recoñeceu aumentos salariais. A patronal mostrouse esta mañá disposta a negociar cos sindicatos, que seguen coa súa intención de manter a protesta.

De seguir adiante, a situación de emerxencia enerxética en Portugal estenderase polo menos ata o 21 de agosto.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2019