CRTVG

Buscar

A alta porcentaxe de vacinados permite normas máis estables nas restricións

Publicado o 07/09/2021 14:41

Empeza o curso e as incidencias diminúen. A expectativa é ter superada a quinta vaga por completo en cuestión de dúas semanas. Pilar Farjas, membro do Comité Clínico: "Está a diminuír tamén a porcentaxe de ingresos en hospitais e UCI. Polo tanto, os indicadores sanitarios seguen mellorando e en 15 días poderíamos estar nunha situación de risco baixo".

Nesta situación foi decisivo o papel da vacinación: con 2.111.000 galegos coa pauta completa, a transmisión e gravidade da enfermidade segue á baixa. Os vacinados transmiten 12 veces menos a enfermidade e eliminan rapidamente o virus evitando mutacións.

Mar Tomás Carbona, Microbióloga do CHUAC e investigadora do INIBIC: "A persoa que se contaxia estando vacinada ten menor duración de síntomas, menor carga viral e menos complicacións".

As vacinas son tamén a mellor forma de protexernos e protexer os non vacinados, nenos menores de 12 ou persoas inmunodeprimidas. Así, como noutrora se tivo en conta a ocupación hospitalaria, os indicadores de vacinación en cada concello súmanse como un novo parámetro para as restricións.

Pilar Farjas, membro do comité clínico: "Ese é o esforzo que está a facer o Comité Clínico. Adaptar os indicadores de consideración de nivel de risco dun gromo de acordo co nivel de vacinación e as idades en que se están a producir os casos".

Agora que chega o outono, os membros do comité clínico lamentan a ausencia dunha normativa estatal sobre o uso de certificado covid para interiores que evite a dependencia dos diferentes tribunais autonómicos. Os 35 expertos que asesoran a Xunta prepáranse para autorizar esta tarde as novas normas da hostalería.

Noticias web

07/09/2021