CRTVG

Buscar

A alerta dunha veciña impide o roubo nun bar de Vilagarcía

Publicado o 14/03/2019 19:35

O ladrón entrou na cafetería da rúa Florida de Vilagarcía pola fachada posterior, despois de escachar unha cristaleira. Para abrir paso golpeou repetidamente con esta baldosa. Eran as cinco menos cuarto da mañá e o estrondo espertou a Rocío, que vive enriba. Di que vivira outras situación similares.

"Sempre chamei. O que pasa é que a policía chegaba tarde ou eran máis dun os asaltantes ou eu igual espertaba máis tarde. Desta volta espertei á primeira, porque foi un golpe forte. E deseguido, marquei o 091 pedindo "veñan xa, veñan xa". Penso que isto hai que facelo por civismo, que o faría calquera. Neste caso tamén conta o sentimento que teño polos do bar; é como unha segunda familia. A cara del pola mañá dicindo que todo quedou na perda dun cristal, para min foi unha alegría moi grande".

O empregado do establecemento tamén expresou o agradecemento pola acción de Rocío. Grazas a iso, dixo, o ladrón detivérono sen levar nada.

Juan Carlos Martínez, empregado da cafetería: "Imaxino que viría por algo de diñeiro. Pero aquí non deixamos cartos, xa ven que as máquinas comecartos e do tabaco están en espazos blindados, porque xa en novembro do ano pasado entraron e rompéronas para levar os cartos que contiñan. Ou sexa, que se entran só van facer estragos. En realidade, non levou nada".

O autor do roubo frustrado, ao parecer, un delicuente habitual da zona, quedou en liberdade.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019