CRTVG

Buscar

A alerta de treboadas ameaza cultivos en boa parte do país, especialmente en Ourense

Publicado o 01/09/2021 14:42

Desde as tres da tarde deste mércores actívase un aviso amarelo na maior parte de Galicia ante a previsión de treboadas que poden ser localmente fortes, segundo advirten desde Meteogalicia. No caso da provincia de Ourense ese aviso afecta toda a provincia.

Pouco antes das sete da tarde unha forte treboada comezaba a descargar pedrazo no Ribeiro. En Rioboo, en Cenlle provocou importantes estragos nos acios e nos bagos case maduros xa.

Preocupación e nervios entre os viticultores, os danos máis importantes foron nas zonas de Cenlle e Gomariz, en Leiro. A treboada chegou no peor momento cando falta unha semana para a vendima e din que haberá perdas de ata un 30 % na produción.

A treboada deixou chuvia intensa, vento e sarabia en varios puntos da provincia de Ourense, en Barbadás ou Boborás E provocou moitos danos tamén nas hortas.

Na cidade de Ourense xa a primeira da mañá volvían os raios e tronos. O aviso amarelo por treboadas comeza agora de novo ás tres da tarde en toda provincia de Ourense, boa parte da de Lugo e no interior da Coruña e Pontevedra, e pode vir acompañada de máis pedra.

Noticias web

01/09/2021