CRTVG

Buscar

A alcaldesa socialista de Móstoles, reprobada por todos os grupos salvo o seu

Publicado o 21/10/2019 12:02

A alcaldesa da localidade madrileña de Móstoles, a socialista Noelia Posse, foi reprobada por todos os grupos municipais menos o PSOE, tras a crise institucional xerada polos nomeamentos de cargos de confianza de amigos e familiares seus.

A reprobación, presentada polos tres partidos da oposición -PP, Ciudadanos e  Vox-, saíu adiante grazas ao apoio dos votos de Más Madrid Ganar Móstoles e de Podemos, partidos que apoiaron a investidura da alcaldesa, e co único voto en contra dos edís do PSOE (dez, contando a Posse).

O portavoz do PSOE e secretario xeral da formación local, Alex Martín, defendeu no pleno que a alcaldesa "asumiu os seus erros", emendounos e pediu "perdón", á vez que sinalou que non hai "ningunha das persoas postas en dúbida traballando xa no Concello".

Pola súa banda, Posse sinalou que ela xa rectificou do seu erro e que "xa pagou un alto prezo por iso", converténdose desta maneira na primeira rexedora reprobada na historia do municipio.

Ademais, asegurou que existiu "unha caza de bruxas sobre a súa persoa" que foi montada con "máis mentiras ca verdades", xa que a maioría de nomeamentos foron cargos de confianza que cesarán cando o faga ela e insistiu en que "non colocou a ninguén a dedo".

O pasado día 10, a Executiva Federal do PSOE suspendeu preventivamente de militancia a Noelia Posse.