CRTVG

Buscar

A alcaldesa de Lugo anuncia un expediente sancionador a seis policías locais

Publicado o 14/03/2019 21:05

Segue o conflito entre a alcaldesa de Lugo e a Policía Local. Lara Méndez anuncia que se lles vai abrir expediente sancionador a 6 oficiais que se retiraron dunha xuntanza en que se ía falar da reorganización do servizo. Tamén di que un deles chegou a insultala. Dende a policía negan que os feitos sucedesen así. Mañá van dar a súa versión.

A xubilación de 26 membros da Policía Local de Lugo obriga o concello a reorganizar o servizo mentres non se cobren esas vacantes. Con todo, a xuntanza que ían manter cos 6 oficiais do corpo para explicar a reorganización non chegou a celebrarse. A alcaldesa di que foi insultada por un dos oficiais e que todos marcharon antes de comezar a falar. Por iso, anuncia que se lles vai abrir expediente disciplinario.

A policía di que a xuntanza só era informativa e que non foi convocada debidamente e nega que transcorrera como dixo a alcaldesa. Mañá van dar a súa versión.

A escaseza de efectivos na Policía Local levou a que esta semana a Garda Civil tivese que facerse cargo dos atestados por accidentes na cidade, algo que corresponde á unidade municipal de Tráfico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019