A alcaldesa da Coruña nega que o seu Goberno deba achegas ao PSdeG
A destitución de Eva Martínez é o segundo cambio no equipo de Goberno coruñés en ano e medio de mandato. A alcaldesa di que foi unha decisión difícil pero necesaria, e reitera que responde á falta de dedicación da ex-concelleira.
"Non existe outro escenario, a dedicacion non é negociable, ese é o motivo, creo que fun clara", manifestou Inés Rey. Ante a pregunta de se o equipo de goberno debe achegas ao partido: "Non", di Rey.
Nas diferenzas nestas achegas estaría o motivo do cese, segundo a concelleira apartada. Para a alcaldesa, estas acusacións son unha manobra de distracción.
Para a oposición, os problemas internos descentran o Goberno local. "O Goberno está en crise permanente, en restructuración e a isto se suma as liortas internas do partido socialista que entendemos hai que solucionar fóra do concello", sinalou María García, voceira municipal da Marea Atlántica.
O cese de Eva Martinez deixa ao descuberto as diferenzas entre o equipo de goberno e o seu propio partido. Martínez perde as súas responsabilidades no Concello pero segue á fronte da secretaría local do PSOE.