CRTVG

Buscar

A AIReF pídelle a Facenda que vixíe as contas da Comunidade Valenciana

Publicado o 12/04/2019 16:47

A AIReF considera que é moi improbable que a Comunidade Valenciana cumpra este ano co obxectivo de déficit, marcado no 0,1% do produto interior bruto para todas as autonomías. Apunta que hai un desequilibrio entre os seus ingresos e os seus gastos, que medraron un 7% nos dous últimos anos, en parte, di o organismo, debido á reapertura da televisión autonómica. Por iso, pídenlle ao Ministerio de Facenda que estreite a vixilancia sobre as contas desta comunidade. Tamén lle dá un tirón de orellas á rexión de Murcia, aínda que neste caso non se solicita a supervisión.

Galicia atópase no grupo de comunidades que é probable que cumpran cos obxectivos, aínda que chama a ter en conta a evolución dos fondos da Unión Europea.

En canto aos concellos, prevese que este ano volvan rexistrar superávit. E no exame do 2018, Vigo é o único dos grandes municipios españois que incumpre tanto o obxectivo de estabilidade como a regra de gasto. A razón, di o AIReF, é o rescate do Auditorio Mar de Vigo por máis de 32 millóns de euros.

Noticias web

12/04/2019