CRTVG

Buscar

A agrovoda do Pino é xa un fenómeno viral

Publicado o 19/08/2019 14:39

Marcos e Cristina querían unha voda singular, alegre, cos seus..."Casei porque me facía ilusión. Os compañeiros sempre me chamaron O oito mil e preparei o tractor para ir. Eu non contaba coa procesión que me acompañou", di o noivo, Marcos Vázquez.

Esa foi a primeira sorpresa: cinco tractores chegando á igrexa de San Mamede de Ferreiros, no Pino. A cousa non quedou aí.  "O da picadora para min foi unha sorpresa. Un día falando co meu irmán díxenlle: "Mirei un coche de cabalos..." El exclamou: "Como cobran! 500 euros de aquí á igrexa! E non hai nin un quilómetro..." Díxome que me esquecera que iso quedaba nas súas mans", explica a noiva, Cristina Casal.

Mans cómprices houbo varias... Os amigos non paraban de maquinar.  "Se Cristina vai na picadora cortamos algo de millo para que seque. Botámoslle cartón para que saíra en forma de confeti. Saíu o que saíu... Menos arroz saíu de todo", di un amigo da parella.

Os mozos algo intuían durante a cerimonia... "Cando íamos saír pregunteille a Marcos: "Non nos tirarán arroz coa máquina? Algo van tirar", contestou. Asomeime e xa vin que caía de todo", conta Cristina.

"Vaia... Armámoslla gorda... Non pensamos que chegara onde chegou pero...", di o amigo.

O que pasou no Pino xa se converteu nun fenómeno viral nas redes. 30.000 visualizacións só en Twitter e centos de comentarios pero en Internet sempre hai algún profano confundido...

 "Nas redes sociais cren que é herba e que manchou a xente. Nada... Era todo papel. A xente pasouno moi ben e nós desfrútamolo a tope", explica Cristina. "Ai.. eu penso que nos queda gravado para a vida", cre Marcos.

Dentro de 10 días van de lúa de mel a Cabo Verde. Descoñécese se van ir no tractor.

Noticias web

19/08/2019