A Axencia Tributaria creará unha administración dixital en Vigo

A Axencia Tributaria vai poñer en marcha unha administración de asistencia dixital integral (ADI) en Vigo, segundo a resolución publicada este mércores no Boletín Oficial do Estado.
Estas plataformas para prestar servizos de información e asistencia por medios electrónicos botaron a andar no último trimestre de 2020 cunha proba piloto en Valencia. Agora que xa está "plenamente operativa", continúa o proceso coa creación da ADI de Vigo.
O director xeral da Axencia Tributaria, Jesús Gascón, avanzou a pasada semana que este ano tiñan previsto abrir unidades deste tipo en Galicia, Madrid e Andalucía, para prestar servizo a todo o territorio nacional.
Ademais, créase un novo departamento da Axencia: a Unidade Central de Análise e Difusión Externa (Ucade). O seu obxectivo é mellorar a relación bidireccional da institución coa sociedade de cara a cumprir coas súas obrigas tributarias.