A acusada polo crime de Arzúa decide non declarar no seu xuízo
Na Coruña hoxe estaba previsto que declarase a acusada polo chamado crime de Arzúa, en que morreran dúas persoas aló por xullo de 2016. Porén, acolleuse finalmente ao seu dereito a non facelo. O seu marido e maila filla fixeron o mesmo.
Os tres xa se acolleran ao seu dereito a non declarar no primeiro xuízo, celebrado en 2019, tres anos despois dos feitos. Durante ese tempo, a procesada estivo ingresada no cárcere de Teixeiro.
A Fiscalía modificou a súa cualificación. Agora acúsaa de dous delitos de homicidio, pero segue mantendo que durante eses episodios sufriu unha crise psicótica e que non sabía o que facía. Por iso pide para ela o internamento para tratamento médico, malia que non o precisou durante uns cantos anos.
A defensa cre na súa inocencia e pediulle ao xurado que valore tamén se existen dúbidas razoables de que puidera ser outra persoa quen matara os anciáns de 83 e 99 anos de idade. Está previsto que o xuízo se prolongue ata o próximo venres.