A acusación pide que o condenado pola morte da muller no Carballiño ingrese nun psiquiátrico
O acusado non compareceu esta mañá na vista de apelación. Pero o seu avogado explicoulle á sala que el nunca dixo que matara a súa muller, malia si recoñecer unha discusión previa porque ela non lle quería dar a chave da casa. Por isto presentou o recurso. Entende que se vulnerou o principio de presunción de inocencia. Porén, a acusación particular pide que se cumpra a sentenza que ordenou o seu internamento nun psiquiátrico.
"Na actualidade, el está en liberdade pendente de que na vista de apelación se resolva a situación da imposición ou non da medida de seguridade", explicou Francisca Martínez, avogada da Acusación Particular.
O xurado popular non tivo dúbidas de que José Alén foi quen matou a súa muller, na mañá do 27 de xaneiro de 2017, no domicilio que ambos os dous compartían no Carballiño.
Agora, o alto tribunal galego será quen resolva se o acusado, de 62 anos, ten que ingresar ou non nun centro psiquiátrico penitenciario por un tempo máximo de 14 anos.