CRTVG

Buscar

A acusación pide prisión permanente para o Chicle polo asasinato de Diana Quer

Publicado o 27/02/2019 17:45

O avogado da familia de Diana Quer considera que José Enrique Abuín, alias o Chicle, secuestrou, asasinou e violou a moza madrileña. Por iso, solicitan a prisión permanente revisable para o acusado.

Así o especifica o letrado no escrito que acaba de presentar ante un xulgado de Ribeira. Nel, relata como en agosto de 2016 Enrique Abuín secuestrou a Diana Quer co ánimo -di- de atentar contra a súa liberdade sexual e a súa vida. E explica como Abuín cometeu, supostamente, o crime e se desfixo do corpo da moza, ata que a Garda Civil atopou o cadáver o 31 de decembro do 2017. Por todo iso, a acusación particular considera que José Enrique Abuín é autor dun delito de detención ilegal, outro de agresión sexual e outro de asasinato.

A representación letrada da familia tamén reclama indemnizacións por valor de 300.000 euros para a familia de Diana. Ademais, solicita que o Chicle non poida achegarse a menos de mil metros da familia nin tampouco comunicarse con eles durante un período de dez anos superior á duración da pena imposta.

A presentación deste escrito é o paso previo ao xuízo oral, que terá lugar na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago. Un xuízo que, entre outras cousas, tratará de aclarar se houbo ou non agresión sexual. Un feito que o acusado nega, e que se se confirma podería supoñer para Abuín a pena de prisión permanente que a familia de Diana Quer pide para el.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019