CRTVG

Buscar

A actividade transplantadora do CHUAC baixa un 20 % pola pandemia

Publicado o 30/10/2020 14:22

Esta noite culminouse un transplante múltiple de catro órganos dun só doador para tres receptores

A solidariedade dunha familia facilitou que un só doador lles regalara vida esta noite a tres persoas. Para iso, medio cento de profesionais mobilizáronse no Complexo Hospitalario da Coruña.

O coordinador de transplantes do CHUAC, Fernando Mosteiro, fai reconto: "Un transplante de ril illado, outro pulmonar e outro combinado hepato-renal".

Non é o único destas características realizado aquí. Hai pouco máis dun ano, dous doadores posibilitaban sete transplantes en só 12 horas. Este 2020, con todo, rematará cun descenso de transplantes respecto do ano pasado, "non só no noso centro, en todos os de España; nós levamos un descenso de arredor dun 20 ou 25 por cento, porque houbo dous meses, marzo e abril, en que estivemos paralizados". E engade que "converter os hospitais en hospitais covid tiña un prezo moi alto na poboación: houbo moita xente que faleceu por infartos de miocardio na súa casa, ictus que non puideron ser atendidos, xentes con enfermidades crónicas que chegou tarde aos hospitais...".

Mosteiro conclúe que "unha enfermidade non pode impedir que outras enfermidades sexan atendidas, e a actividade debe continuar".

Unha actividade que neste caso é posible grazas á solidariedade de quen perde un ser querido.

Noticias web

30/10/2020