CRTVG

Buscar

A actividade de Casa Macán segue paralizada á espera dunha nova inspección

Publicado o 14/02/2020 11:27
A actividade de Casa Macán segue paralizada á espera dunha nova inspección

A actividade na fábrica de Casa Macán, situada no municipio lucense de Taboada, continúa paralizada de forma cautelar á espera de que as instalacións sexan sometidas a unha nova inspección por parte dos técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública, que depende da Consellería de Sanidade.

Aínda que o propietario da empresa, Eladio Rigueira, esperaba que esa inspección sanitaria fose realizada onte mesmo, para reiniciar a actividade na fábrica, finalmente a visita dos inspectores da Consellería de Sanidade non chegou a producirse.

O industrial lucense recoñeceu sentirse "sorprendido" por todo "o show que se montou" arredor da súa empresa, como consecuencia da alerta decretada pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, que decretou a suspensión cautelar da actividade na fábrica por mor de "incumprimentos graves" que fan que non se poida "garantir a seguridade dos produtos elaborados".

Rigueira precisou que "non hai ningún produto contaminado", polo que é "sorprendente" que se decretase esa "alerta sanitaria", se dese a orde de retirar das canles de distribución os produtos da marca e mesmo se lle recomendase aos consumidores que se os teñen na súa casa os devolvan nos puntos de venda.

"Non hai ningún produto contaminado e non houbo que retirar ningún lote por ese motivo", dixo Eladio Rigueira.

Con todo, fontes da Consellería de Sanidade precisaron que nas instalacións de Casa Macán foron detectadas ata nove irregularidades, como defectos no almacenamento dos produtos, sucidade ou temperaturas inadecuadas nos almacéns.

O empresario afirma que "todo comezou por un tema da etiquetaxe" e logo houbo que "corrixir unha serie de deficiencias estruturais". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí