CRTVG

Buscar

A Academia Galega das Artes recoñece o arquitecto Alejandro de la Sota

Publicado o 02/11/2018 23:15

Igual que moitas especies cavan no interior da terra para construír os seus refuxios, a maior parte desta casa está debaixo do xardín. Alejandro de la Sota deixou só á vista o salón-comedor, o espazo de encontro familiar.

"Falaba de que os animais na terra buscan facer os niños enterrados para protexerse do frío e dos inimigos. Entón enterra os cuartos. E en cambio na vida activa queres comer ao sol, saír ao aire, queres cantar, queres ser un paxariño no carballo que acompaña a casa"

De la Sota construíu a casa Domínguez para unha familia con 10 nenos. Nela descubrimos cuartos medio soterrados pero estratexicamente situados na pendente para recibir sempre a luz do sol. Imaxinamos as tardes de verán no patio das nenas. E as carreiras dos cativos por unha das escaleiras máis fotografadas do país. Os detalles da casa revelan a paixón do arquitecto pola súa profesión pero tamén o amor polos nenos e a familia.

"Na casa eramos todos arquitectos pasivos porque os domingos consistían en ir á misa como boa familia da época e logo ir a unha obra que estaba en construción ou acompañar o meu pai ao estudo porque estaba en proceso un proxecto"

Para de la Sota a arquitectura era unha forma de solucionar problemas. Como organizar un edificio de oficinas de xeito eficiente, como conseguir moita luz nun centro deportivo. Como fabricar unha mesa para unha gran familia sen que ocupe media casa. Pero ademais, a arquitectura é un divertimento.

"Era un home moi divertido, moi entretido, tiráballe punta a calquera situación e a calquera imaxe que se lle presentaba diante".

Apaixonado polo debuxo e pola música, Alejandro de la Sota é hoxe un referente para arquitectos de todo o mundo. Porén, el nunca se considerou mellor profesional ca outros. Os xenios máis grandes son, case sempre, xente humilde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/11/2018