CRTVG

Buscar

Que forzas foron as máis votadas en cada concello?

Publicado o 13/07/2020 19:03

Vemos agora os resultados electorais por concellos, en cada provincia. Comezamos na Coruña, onde os populares conseguiron o 49 por cento dos votos.

O PPdeG foi a forza más votada en 92 concellos. Son todos menos un: Corcubión, na Costa da Morte, onde gañou o BNG.

Vemos agora como queda a provincia de Lugo. 64 concellos son para o PP, incluída toda A Mariña. E 3 para o PSdeG: son Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Pedrafita do Cebreiro.

Na provincia de Ourense, os populares gañaron en 85 concellos. O PSdeG foi a forza más votada en catro municipios: Carballeda de Avia, Parada de Sil, Calvos de Randín e Entrimo. E o BNG en tres: Allariz, Verea e A Mezquita.

E por último repasamos a provincia de Pontevedra. O PPdeG foi a forza más votada en 57 concellos. O BNG en dous: O Grove e Soutomaior, e os socialistas galegos gañaron noutros dous: Fornelos de Montes e A Illa de Arousa.

Vemos tamén as sete cidades. Gañou en todas o Partido Popular. O BNG foi a segunda forza en todas menos en Vigo, onde os socialistas ocupan esa segunda posición.

Xa o vimos no mapa de Lugo. Había expectación sobre o resposta electoral na Mariña, onde houbo medidas sanitarias especiais polo broto do coronavirus.

O resultado foi o mesmo que no conxunto de Galicia. Gañou o PP nos quince concellos. O BNG subiu en todos, situándose como segunda forza na maioría dos municipios e o PSdeG perdeu apoios. Galicia en Común obtivo menos votos que na media da comunidade.

Debullamos o último gran dato que deixan para a historia estas eleccións ao Parlamento de Galicia. Ao contrario do que todos prognosticaban, a participación estivo máis alta que hai catro anos.

Onte votou un 58,88 por cento, dos galegos, 5 puntos máis ca en 2016.

Votaron máis dun millón trescentos mil cidadáns.

Nos grandes núcleos da Mariña a asistencia aos colexios caeu significativamente. En Foz e Burela, a caída foi de case 8 puntos.

Tes aquí todos os datos

Noticias web

13/07/2020