CRTVG

Buscar

932 mortos por coronavirus nas últimas 24 horas, primeira lixeira baixada na semana

Publicado o 03/04/2020 20:16

• España ten 117.710 contaxios | A porcentaxe de contaxios baixou desde o 14% do venres pasado ao 6,7% de onte | 30.513 persoas están curadas

• Illa di que se cumpriu o obxectivo de estabilizar a curva 

A pandemia da COVID-19 suma 932 mortos máis nas ultimas 24 horas. Aínda así, é a primeira baixada no número de vítimas desta semana, en que cada día ía crecendo a cifra.

Con estas novas vítimas, o número total de mortos en España desde que se comezaron a contabilizar é de 10.935 persoas, segundo os datos oficiais ofrecidos polo Ministerio de Sanidade. Unha cifra que supón o 20% das persoas falecidas no mundo por coronavirus.

O número total de persoas contaxiadas por coronavirus é de 117.710. A porcentaxe de contaxios baixou desde o venres pasado do 14% ao 6,7% de onte. Unha baixada do 7,3% en oito días de confinamento.

En España, das persoas contaxiadas están ingresadas na UCI 6.416. O dato positivo é que 30.513 contaxiados xa están curados.

Por comunidades autónomas, Madrid segue a rexistrar o maior número de contaxios, 34.188. A segunda comunidade máis afectada, e lonxe das outras, é Cataluña con 23.460 persoas contaxiadas.

O número de mortos en Madrid ascende a 13.850, e en Cataluña son 7.848 as persoas falecidas.

España, xusto por detrás de Italia en número de contaxios

España está a piques de alcanzar a Italia en número de contaxios, a pesar de que alí se agravou antes a epidemia. En canto ao numero de falecidos, España está aínda moi por debaixo. De momento, non hai explicación porque cada estado ten criterios diferentes de vixilancia e clasificación de casos.

Segundo a xefa de área do CAES, María José Sierra, a comparación non ten xustificación epidemiolóxica mentres non se poida avaliar o conxunto.

A pesar dos datos, os expertos aseguran que se confirma a tendencia de que a COVID-19 crece a un ritmo máis lento grazas ás medidas de confinamento

Fernando Simón asegura que se están conseguindo os obxectivos de non saturar as UCI.

0 26% dos enfermos de coronavirus xa foron dados de alta. Neste momento, cada contaxiado transmite o virus a unha persoa ou menos pero Fernando Simón advirte do risco de dar marcha atrás se se levanta o confinamento.
 

Illa: "Cumpriuse o obxectivo de ralentización da curva"

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou este venres que, tras a evolución de casos de coronavirus rexistrados esta semana, o obxectivo de estabilización da curva de incidencia da enfermidade cumpriuse, aínda que avisou de que a próxima semana seguirá sendo "dura". Nunha conferencia de prensa celebrada no Palacio da Moncloa xunto á ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Coordinación, Arancha González Laya, Illa lembrou que os casos de coronavirus detectados este venres (117.710), supoñen un incremento de preto do 7% respecto ao día anterior, o que demostra que nesta "dura semana ralentizouse a epidemia". "Durante toda a semana estivemos por baixo do 10% do crecemento, polo que podemos dicir que o obxectivo que nós fixabamos de ralentización da curva cumpriuse", dixo o ministro de Sanidade, para destacar o "raio de esperanza" que supón que 30.513 persoas xa se curaran.