9.000 persoas de entre 41 e 45 anos, citadas a un cribado en Santiago
O Sergas convoca en Santiago 9.078 persoas para que asistan a facer unha PCR. É un cribado dirixido a un grupo de idade moi concreto: entre os 41 e os 45 anos. En probas previas detectouse que hai unha maior porcentaxe de contaxios nesas idades
María Victoria Carral García é a Directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e asegura que ao tratarse de persoas que non son xóvenes pero tampouco maiores, " igual se relaxaron un pouco nas súas relacións persoais e na prevención", explica e engade: "Temos que pensar que pasamos unhas festas de Nadal moi importantes e moi familiares e seguramente iso tamén incidiu".
Dende o principio da pandemia estas probas veñen proporcionando datos sobre a prevalencia do coronavirus. O 21 de decembro do 2020 a través de PCR diagnosticáronse en Galicia 190 casos positivos. Un mes despois, o 21 de xaneiro, a cifra chegaba a 1.534. Os cribados son determinantes para detectar persoas asintomáticas que poden estar contaxiando sen sabelo ás persoas coas que se relacionan.
"É importante vir para saber cantos asintomáticos hai para parar este virus como é debido", afirma unha das pacientes que acudiu á facer a PCR.
Alfonso Varela, Director Asistencial da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, sostén que estes cribados poden axudar pero "quizais son máis importantes que todos nos concienciemos que temos que reducir ao máximo a mobilidade e a interacción social porque senón isto non o imos frear e vai ser un goteo continuo de xente ingresada e de mortos. Isto é a realidade".
As autoridades sanitarias pídenlle aos pacientes convocados que acudan a realizar estas probas e a cidadanía en xeral que respecte as medidas para evitar a propagación do virus. Na área de Santiago hai agora máis de 3440 casos activos.