CRTVG

Buscar

83 detidos e 152 feridos na quinta noite de altercados en Barcelona

Publicado o 19/10/2019 14:59

A cronoloxía da quinta noite de altercados violentos comezou antes de caer a luz. Fronte ao número 43 da vía Laietana os Mossos avanzaban e os manifestantes violentos, moitos a cara cuberta, retrocedían aos poucos.

O primeiro choque prodúcese nesta zona porque alí está a sede da xefatura da Policía Nacional. Coa escuridade volven as barricadas, a queima de mobiliario urbano e un asfalto derretido porque moitas das fogueiras arden ata catro horas seguidas.

Así que volven tamén as cargas policiais. Por primeira vez desde que a Generalitat se fixera con ela, en 1994, os Mossos usan esta tanqueta de auga, para retirar entullos e dispersar os violentos. Tamén por primeira vez nestes días usaron, na vía Laietana, gases lacrimóxenos. Os altercados, os enfrontamentos sempre entre policía e violentos, seguen noutros puntos próximos.

Tamén voan os obxectos contundentes, as pedras, os lastros arrancados das beirarrúas, as botellas de vidro... e seguen queimando coletores de lixo na praza de Cataluña e tamén no paseo de Gracia e na praza de Urquinaona. De feito, xa arderon, desde o luns, máis de 800. Os altercados duran ata as tres da mañá.

Así queda Barcelona centro... e así a retratan. A noite deixou 83 persoas detidas, entre eles un fotoxornalista de "El País" que xa está en liberdade, e 18 mossos d'Escuadra feridos. Case todas as televisións estaban ao lado deste policía cando lle impactou un obxecto contundente na cabeza e cando foi retirado polos seus compañeiros. En Cataluña houbo 182 feridos, deles 152 foron en Barcelona, que arestora "desloce" así.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019