CRTVG

Buscar

Oito mil trescentas empresas galegas presentan ERTE polo coronavirus

Publicado o 23/03/2020 20:14

• PSA prepárase para mandar os seus 7.400 empregados á casa

Cinco días despois de paralizar a actividade, a planta viguesa de PSA prepárase para mandar os seus 7.400 empregados á casa. Este martes presentarán aos sindicatos os detalles do ERTE. O fabricante de automóbiles suspendera o traballo ata o vindeiro venres, pero na dirección dan xa por feito que haberá que prorrogar a parada polo menos unha semana máis. A pandemia frustra as expectativas do grupo, que prevía producir este ano 600.000 vehículos, cifra récord nos seus máis de 60 anos de historia. Tamén os estaleiros Freire pararán desde este martes: os traballadores forzaron a dirección a tomar esa decisión tras a confirmación dun positivo nas súas instalacións.

Darío González, presidente do comité de empresa de Freire, di: "Na reunión coa empresa dinnos que eles respectan a nosa decisión, que valoran que estamos un pouco intranquilos pola situación".

A patronal avoga por manter a actividade no sector.

Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia,  di: “Transmitimos, a parte empresarial, a necesidade de intentar, alí onde sexa posible, manter a actividade, porque se non, a reactivación vai ser máis complexa, pero sempre garantindo a seguridade e saúde laboral dos traballadores”.

Máis de 8.300 empresas galegas xa presentaron ERTE, o dobre das que o fixeran ata o venres, con máis de 45.000 traballadores afectados. Segundo un estudo do Centro de Predición Económica, o COVID-19 deixará en Galicia 15.000 parados máis e unha caída do 1,4% no PIB da comunidade autónoma.

Noticias web

23/03/2020