CRTVG

Buscar

Sete anos de cadea para un chantadino por pornografía infantil e maltrato animal

Publicado o 22/05/2019 16:57

Un veciño de Chantada foi condenado a sete anos e dez meses de cadea por posuír e distribuír de forma continuada vídeos de pornografía infantil e por maltratar animais, gravalo e difundir as imaxes. Os feitos remóntanse a 2016, cando o autor dos delitos se dedicou a compartir a través das redes sociais ata medio cento de vídeos de natureza sexual con menores, nalgúns casos mesmo de cinco anos de idade. Daquela tamén cometeu maltrato animal con crías de gatos e de coellos, que mataba cunha violencia extrema para logo masturbarse diante dos seus cadáveres. Gravábao todo e compartía os vídeos con outros usuarios dunha rede que operaba no ámbito estatal.

"A persoa é un veciño de Chantada pero o caso foi a nivel nacional. Polo domicilio, xúlgase aquí. Malia todo, hai máis persoas procesadas e invetigadas", conta José Manuel Núñez Torrón, avogado da defensa.

Nun principio, o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo pedía unha condena de trece anos e seis meses de cadea. Así e todo, a pena foi reducida co recoñecemento dos feitos por parte do autor, que xa estaba en prisión preventiva.

"É unha rebaixa substancial da petición inicial polos delitos de pornografía infantil e maltrato inxustificado de animais domésticos ou amansados", di Núñez Torrón.

Unha vez cumprida a pena de prisión, o condenado permanecerá en liberdade vixiada por outros dez anos e inhabilitado para o exercicio de calquera profesión relacionada con menores durante once anos. Tampouco poderá ter animais nin traballar con eles durante catro anos.

Noticias web

22/05/2019