51 hospitalizados na área de Lugo, con 15 na UCI
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte conta a día de hoxe con 1.731 pacientes coa infección activa. Son 65 máis ca onte, tras confirmarse por PCR 111 novos casos. Tocante aos hospitalizados, hai en total 51, tres máis ca na fin de semana, entre os que figuran varios trasladados dende a área sanitaria de Ferrol. Tamén aumentou o número de pacientes na unidade de coidados intensivos, pasando de 11 a 15. É dicir, un panorama que empeora e que preocupa o conxunto dos lucenses.
"Está mal. Peor, porque agora cada vez están pechando máis sitios. Está claro que imos a peor". "A situación paréceme terrible. Non ten moita explicación". "Eu véxoa mala. Está mal, a cousa. Pero que lle imos facer, teremos que tirar para adiante. É o que hai", din varias lucenses.
A positivade das probas tamén se incrementou. A día de hoxe, o 11,7 por cento das PCR realizadas na área sanitaria lucense deron resultado positivo. Para se reducir a porcentaxe de infeccións, os cidadáns demandan que se cumpran as medidas vixentes. "O normal é que non se cumpran as medidas que poñen, e cada vez imos a peor". "Se se respectaran as medidas que poñen sería suficiente, pero é que non se respectan". "Isto é terrible. A ver cando nos vacinan e se borra isto, porque xa vai sendo hora", engaden.
O único dato positivo na área sanitaria de Lugo é que non se contabilizaron novos falecidos por coronavirus.