CRTVG

Buscar

500 bacoriños morren calcinados nunha granxa de Xunqueira de Espadanedo

Publicado o 26/08/2020 13:41

Contra as dúas e media da mañá, o dono da explotación, que vive no mesmo recinto onde está a granxa, escoitou soar a alarma. Cando saíu da súa vivenda, xa puido ver as lapas.

Calcinou un terzo da nave, un módulo onde había uns 500 porquiños acabados de destetar. O resto da nave salvouse. Na extinción participaron efectivos de Protección Civil de Maceda e Xunqueira de Espadanedo que conseguiron extinguir o lume contra as catro da mañá.

Extinguidas as lapas, é o momento de facer reconto das perdas. Unha patrulla da Garda Civil desprazábase a primeira hora da mañá ata a granxa. Tamén persoal técnico de Coren para avaliar os danos. Só ardeu un dos módulos, pero a estrutura quedou seriamente danada.

"Quedou moi danada. Xa comezan a dobrar cara abaixo. Cando chegamos, ardera xa parte da nave e estaba moi cargado o ambiente, irrespirable. Sufocamos tres ou catro focos que quedaban activos", dinos José Manuel Gil Carballo, responsable de Protección Civil de Maceda. 

Efectivos de Protección Civil de Xunqueira de Espadanedo e de Maceda traballaron na extinción. A alerta deuna o dono da explotación, que vive a poucos metros. Saltoulle a alarma no teléfono por un fallo eléctrico. O lume orixinouse no sistema de calefacción.

"O lume empezou no ventilador de calefacción, que é de gasóleo. As reixas son de plástico. Prendeu no plástico e iso é incontrolable", sinala Gil Carballo.

Morreron preto de cincocentos porcos de pouco máis dun mes de vida. Todos os que había no módulo calcinado.

"Morreron moitos por inhalación de gases e outros queimados. Ver aqueles pobres animais como estaban... Non sei cantos serían, pero practicamente a totalidade".

O resto da nave salvouse grazas en boa medida á rápida intervención do dono da explotación, que controlou a propagación do lume con extintores, mentres esperaba os equipos de extinción.

Noticias web

26/08/2020