CRTVG

Buscar

50.000 veciños da contorna do vertedoiro de Zaldibar permanecen en alerta sanitaria

Publicado o 17/02/2020 15:07

Os datos recollidos sobre o terreo polos xeólogos revelan que a masa de residuos desprazada polo derrubamento do vertedoiro de Zaldibar non é estable, a pesar de que non se moveu non últimos días. Baixo eses residuos permanecen aínda os dous traballadores desaparecidos.

Ante a posibilidade de que se produzan novos escorregamentos, estase a construír un dique de seis metros de altura e cincuenta de longo en paralelo á autoestrada e engadiráselle unha malla metálica antialudes que cubrirá unha superficie de 75 metros cadrados.

Para instalar esa malla será necesario retirar seis mil metros cúbicos de residuos na cabeceira do desprendemento.

Unha vez sufocados os incendios na parta baixa do vertedoiro, os operarios comezarán a traballar na parte alta que é tamén a máis inestable.

A combustión dos residuos expande dioxinas e furanos pola zona, onde se chegaron a rexistrar niveis ata 50 veces superiores aos habituais nunha zona urbana.

A alerta sanitaria mantense para os 50.000 veciños que viven nas localidades de Ermua, Zaldíbar e Eibar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/02/2020