CRTVG

Buscar

48 maneira de preparar e comer salmón na Estrada

Publicado o 17/05/2019 15:16

46 anos van xa desde a primeira Festa do Salmón da Estrada, un produto que pasou neste tempo de deostado a enxalzado. Quen se achegue pola vila ata o domingo poderá probar ata 48 maneiras distintas de preparar o salmón, que xa non é do río pero está ben rico en calquera dos 28 establecementos que participan na Ruta das Tapas do Salmón. O domingo será o día grande.

A mañá posterior ao concerto e á festa dos anos 80, a zona de viños da Estrada loce limpa pero baleira. Pero non todos están a durmir aproveitando o festivo. Nesta taberna e noutros 9 locais da vila andan a cen para ter todo preparado á hora do vermú no día que eles elixiron para ofrecer a súa proposta na Ruta das Tapas de Salmón. En total participan 28 locais, nas tres xornadas de degustación ata o día grande da Festa do Salmón, o vindeiro domingo. Xoán leva aberto tres anos e nunca faltou á cita, esta edición cunha receita de inspiración francesa. 

Ten preparado, só para hoxe, entre dez ou quince kg de salmón para unhas cen tapas maila carta. Cada tapa custa dous euros.

Cada ano, unha nova receita, un novo bocado que garda os seus segredos; neste caso, familiares. 

O afumado do salmón faino na lareira da avoa da súa muller, en vez de chourizos afumean o peixe.

Como taberneiro, cre que este tipo de festas van a máis en participación de locais e de clientela. Calquera diría que o produto identitario da Estrada pasou épocas malas. A festa de exaltación do salmón é un bo baremo de como cambian os tempos. 

Cóntanos que antigamente había moito salmón, tanto que se lles daba aos pobres. 

Destas horas, Xoán xa estará a correr polo local servindo as mesas e atendendo a barra que xa empezou a preparar á primeira hora da mañá. Pero, deixounos unha recomendación para os que pasen pola Festa do Salmón da Estrada para maridar as tapas do peixe: un viño branco do Rosal de uva caíño, cen por cen das Rías Baixas.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/05/2019