CRTVG

Buscar

Condénano a 47 anos de cadea por matar a ex-muller e a parella dela en Arbo

Publicado o 14/11/2017 13:57

Hai sentenza do crime de Arbo: 47 anos de cárcere para o home acusado de matar a tiros, no monte, a súa ex-parella, e o mozo que ela tiña naquel momento. A Audiencia di que non hai dúbida ningunha de que Arturo Domínguez é o asasino, cualifica os feitos de desprezables, e quítalle a patria potestade da filla que ten en común coa vítima. Segundo a sentenza, o acusado estaba obsesionado con ela.

Arturo xa dera pistas en varias ocasións do que podía pasar. Despois de case unha década de relación con Beatriz, a convivencia rompe no verán de 2015, e o condenado dá mostras de ser un home "posesivo e controlador", segundo di a sentenza. Ata chegou a instalar unha cámara nunha rotonda preto da casa da súa ex-parella, para saber cando entraba e saía, e con quen. Tamén lle pediu a un coñecido que instalara algún sistema no móbil da muller, para poder controlar os seus WhatsApps. Antes do crime, manifestara que Beatriz "ou era para el ou non era para ninguén", e ameazara, textualmente, con que "ía correr o sangue". A Audiencia tamén manifesta que Arturo Domínguez, que durante o xuízo sempre negou os feitos, deseñou a conciencia a súa estratexia homicida. A noite dos asasinatos estivo no bar onde traballaba Beatriz. Marchou media hora antes ca ela, pero estaba agardándoa. Seguiuna, a ela e a parella nova dela, Sergio, ata un lugar apartado, no monte da Telleira. Alí sorprendeunos, e alí matounos. Primeiro a Beatriz, dun tiro na cabeza, a través dunha fiestra do vehículo. E despois a Sergio, do mesmo xeito. Ninguén se puido defender. Por todo isto, o tribunal condénao a 47 anos de cárcere, e a pagarlles 775.000 euros aos familiares dos falecidos, a maior parte deles para a filla que ten en común con Beatriz, unha nena da que tamén lle quitan a patria potestade. Tampouco poderá achegarse a eles durante 33 anos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017