CRTVG

Buscar

42 persoas morreron este domingo en Gaza polos bombardeos e a ONU tenta mediar no conflito

Publicado o 16/05/2021 21:01

A terra retumbou na Cidade de Gaza, a capital da faixa, a noite pasada e ao longo da xornada deste domingo buscáronse os mortos entre os cascallos dos edificios derrubados. A cifra no deixaba de aumentar desde a mañá. As morgues acumulan cadáveres e polo de agora ascenden 42 as vítimas mortais da noite máis dura desde que se desataron as hostilidades. En sete días perderon a vida 188 persoas e os feridos son máis de 1200.

Desde Israel din que no que vai de semana foron lanzados 2900 foguetes contra o seu territorio por parte de milicianos de Hamas e da Yihad Islámica, a maior cifra da historia, superior á dos duros enfrontamentos de 2008 e 2012. Aquí a cifra de falecidos é moito menor, dez, e os feridos ascenden a 270.

Xa de día, o Exército israelí bombardeou en Gaza outros dous edificios, supostos almacés de armas de Hamas e un deles seria tamén unha das súas sedes dos servizos de intelixencia.

"A loita debe deterse decontado" é a mensaxe que lles enviaba este domingo o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, ás dúas partes en conflito. Guterres sostén que se non se activa o freo "pode desencadearse unha crise humantaria e de seguridade incontible".

Precisamente, a Oficina da ONU para Asuntos Humanitarios comunicaba que ata a tarde deste domingo os bombardeos destruíron 76 edificios, 725 vivendas sufriron danos importantes e numerosos estragos afectan a estradas, escolas e redes eléctricas e de gas.

Noticias web

16/05/2021