CRTVG

Buscar

Corenta millóns de cidadáns quedarán pechados nas súas comunidades

Publicado o 30/10/2020 08:21

• Todas as autonomías peninsulares decidiron adoptar esta medida, a excepción de Estremadura e Galicia

• Sanidade avanza "medidas adicionais" para Lugo e Pontevedra e non as descarta noutras cidades

 

O malestar polos confinamentos volve deixarnos imaxes de disturbios. Isto é Bilbao esta noite. As protestas contra as restricións remataron con seis detidos. Os participantes, unha concentración non autorizada, queimaron arredor dunha vintena de colectores de lixo e enfrontáronse á Ertzainta, foi necesaria a intervención dos axentes antidisturbios. 

A ponte dos santos é a fronteira, case imaxinaria, entre Galicia e Asturias. Está aberta á circulación, pero xa só se pode cruzar con causa xustificada. Asturias decretou o peche perimetral da comunidade, e aínda que Galicia non o fixo, interrómpese a comunicación entre as comunidades. Nótano especialmente na comarca do Eo.

"Nós imos a Ribadeo moito, imos a todo a Ribadeo" , "O 50 % dos comercios de Ribadeo vive de Asturias, e notámolo moito", "Aquí, no estaleiro este, veñen a traballar os de Ribadeo".

O mesmo pasa na fronteira entre Galicia e Castela e León. Na comarca do Bierzo escóitase falar galego. As relacións entre galegos, bercianos ou xabreses sempre foron estreitas e agora quedan limitadas. A partir deste venres, a comunidade veciña tamén está pechada.

"Pasar desta zona a Galicia tíñannos que deixar pasar. Aquí ata falamos galego". "É peor ir a Ponferrada polo penso que a Pedrafita!". "Ter parcelas na outra comunidade é unha lea, por sorte deixarannos pasar".

Por se fose pouco, a partir deste venres e ata o martes que vén tampouco se pode pasar a Portugal. O país veciño pecha todos os seus concellos na ponte de Defuntos, e o peche inclúe a fronteira con Galicia. O que supón, que, sen estar pechada, Galicia queda illada por estrada polo menos durante os próximos días.

Despois da tirapuxa co Goberno, finalmente a Comunidade de Madrid sae coa súa. A rexión vai estar pechada na ponte de Todos os Santos ata que o mércores se reúna o Consello Interterritorial de Saúde e debata sobre a posibilidade de pechar por días. Ata daquela está no aire que vai ocorrer coa festividade da Almudena, a outra ponte para a que a presidenta da Comunidade de Madrid tamén solicitou o peche perimetral.

Díaz Ayuso celebraba que o executivo lle permitise levar a cabo o seu plan, escribiu en Twitter, de medidas cirúrxicas para cada situación e colaborando con outras comunidades autónomas, o que considera un avance para todos.

Moi pendente do que fixese Madrid estaba a Comunidade Valenciana. Finalmente, a Generalitat decretaba o peche perimetral a partir deste mediodía e durante sete días.

Cataluña finalmente tamén se confina. A Generalitat decretou peche perimetral da comunidade durante 15 días e os municipios durante a fin de semana.

Cantabria foi unha das últimas autonomías en acordar o peche, desde hoxe ata o 9 de novembro. Modifica o calendario escolar e suspende a semana non lectiva do día 2 ao 8 para evitar a mobilidade das familias.

Ás portas da ponte de Todos os Santos, once comunidades autónomas, Ceuta e Melilla pechan as súas fronteiras. Só quedan abertas Galicia, Estremadura, as illas Canarias e as Baleares.

A situación epidemiolóxica en España, que onte sumaba 23.000 contaxios máis, está lonxe de ser optimista. Segundo o Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias, case todas as comunidades están nunha situación de risco moi alto. De seguir esta evolución, non se desbotan medidas máis drásticas.

Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias: "O certo é que a epidemia non está moi controlada. Polo tanto, a posibilidade de facer paróns moi importantes sempre ten que considerarse nunha situación coma esta. Non pensamos que aínda se teña que tomar esa decisión. Se as cousas se fan ben, é moi probable que non sexa necesario".

Noticias web

30/10/2020