40 anos da morte de John Lennon, con homenaxe na Coruña para o exbeatle
Tal día coma hoxe, en 1980, apagabase a voz de John Lennon. O cofundador de The Beatles morría asasinado en Nova York na porta da súa casa.
Naquel día Lennon regresaba á casa xunto a súa dona, Yoko Ono, cando Mark Chapman lle disparou cinco veces fronte ao edificio Dakota, en Manhatan, onde residía a parella na rúa 72 fronte a Central Park.
O exbeatle tiña corenta anos (neste 2020 faría 80), e acababa de lanzar o que foi o seu último disco Double Fantasy, tras cinco anos apartado da escena musical.
Homenaxe na Coruña
Nesta data un vídeo fíxose público por desexo expreso de Yoko Ono. Foi gravado no ano 2005. É unha mensaxe da viúva de John Lennon para as xentes da Coruña, unha mensaxe de afecto e agradecemento aos fans que daquela promoveron a idea de dedicar unha estatua ao artista británico. Yoko Ono non puido estar presente na inauguración, pero si quixo enviar esta mensaxe privada, que ela mesma pediu que non fose difundida.
Corenta anos despois da súa morte, cantan xunto a el para honralo. Quen segue e ama a John Lennon insiste en que o seu legado vai moito máis alá da súa música.
Chema Ríos é experto nos Beatles, asegura que falar de John Lennon é cómo falar "de Mozart ou Beethoven, salvando as distancias. Non só pola faceta musical, senón pola faceta de pacifista, feminista e preocupado en xeral polos problemas que había neses momentos. Agora supoño que estaría moi triste co que está pasando".