CRTVG

Buscar

39 concellos ourensáns gañaron poboación desde o confinamento

Publicado o 11/03/2021 17:22

A pandemia está a impulsar a demografía rural na provincia de Ourense. Segundo confirman os datos do Instituto Galego de Estatística, 39 concellos lograron medrar en poboación a consecuencia do confinamento. 

Destaca Ribadavia que sumou no primeiro semestre de 2020 69 veciños. Concellos máis pequenos como Entrimo e Maceda aumentaron en 37 habitantes, e Taboadela censou 40 habitantes máis.

Benigno, o carteiro de Taboadela, foi un dos primeiros en notar que cada vez tiña máis correo que repartir.

Só na primeira metade de 2020 o censo sumou 40 novos veciños, agora son 1.460. Algúns como Olga pasaron o confinamento na aldea e despois xa non quixeron regresar ao piso.

Gañar espazo, ter unha hortiña, criar animais; vantaxes que tamén fixeron que Ángeles se mudara este ano a Taboadela. O polígono onde traballa está a dez minutos, Ourense a outros dez, o que precisa está cerca e o ruído lonxe.

Está previsto que a fibra chegue nuns meses, todo un reto contra o despoboamento. O outro, mellorar a escasa oferta de alugueiro nas casas baleiras do concello.

O virus deulles un pulo inesperado. Agardan que sexa o principio dun cambio que acabe traendo vida ás aldeas, porque, iso non cambiou, aquí morren máis dos que nacen.

Noticias web

11/03/2021