CRTVG

Buscar

330 nenos saharauís están xa coas familias de acollemento galegas

Publicado o 13/07/2019 14:56


Hai só uns días que chegaron a Galicia. A curiosidade e a incerteza do primeiro día, cando moitos aínda non coñecían as familias coas que pasarían todo o verán, está xa case superada.


"Chegaron 330 nenas e nenos. 180 saín por primeira vez dos campamentos, os demais eran repetidores. Os primeiros días tocou adaptación, sobre todo dos que veñen por primeira vez. Pero a verdade é que de momento están todos contentos e as familias tamén", comenta Maite Isla, presidenta de SOGAPS.

O programa de acollida desenvólvese en Galicia a través da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que trata de afastalos das altas temperaturas do deserto no verán. Desde que chegan todos os cativos pasan unha revisión médica que permite detectarlles enfermidades importantes e outras de tipo oftalmolóxico ou dentais agravadas polas condicións de vida dos campamentos.

Para as familias é unha opción de acollemento e de coñecer a historia e a realidade diaria da poboación saharauí refuxiada. "Os momentos vividos non se van esquecer na vida. E desde a organización facemos unhas viaxes ao ano aos campamentos e as familias que tiveron os rapaces durante o verán teñen a oportunidade de viaxar aos campamentos, coñecer as familias biolóxicas dos nenos e a partir de aí, algo que era un acollemento dun neno remata como unha familia xa para toda a vida. Non podemos esquecernos de que o problema do Sahara é un problema político e polo tanto os mellores embaixadores que temos para dar a coñecer que despois de 40 anos o problema segue aí, son estes nenos e nenas que veñen no verán", di Maite Isla, presidenta de SOGAPS.

E que así o reclaman cada ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/07/2019