CRTVG

Buscar

A folga de Renfe deixa 32 trens afectados en Galicia e 325 en toda España

Publicado o 14/08/2019 14:46

Comeza a ponte máis importante do ano, e faino con folga de Renfe. Hai paros hoxe e mañá. En Galicia, vanse cancelar 32 trens, algúns de proximidade pero tamén os que saen cara a Madrid, País Vasco ou O Porto. En toda España, son 325 os afectados. 
E se van saír de viaxe cara ao sur, atentos tamén á situación en Portugal. Os folguistas non ceden, de momento, a pesar das ameazas do Goberno. Hoxe retómanse as negociacións entre transportistas e patronal, co Goberno de intermediario, e con moitas críticas pola intervención do exército durante as últimas horas. 

Hoxe mércores é a segunda xornada de folga en Renfe. O sindicato CXT convocou paros entre o mediodía e as catro da tarde e das oito ás doce da noite. En Galicia suprímense 32 trens: unha vintena deles con tránsito dentro da comunidade e o resto de longo percorrido, con destino O Porto, Euskadi e Madrid. O sindicato pide que se aumente o nivel de contratación para suplir carencias de persoal.

A imaxe de hoxe nas estacións de tren coincidindo cun día de grande actividade dende primeira hora da mañá é o dos anuncios de trens cancelados pola folga. Para algún, primeira noticia desta xornada de paros. "Nós non sabíamos que había folga porque non vimos as noticias"

Para outros, esta situación non os pillaba por sorpresa. "Son usuaria habitual e xa vin que moitos trens non estaban dispoñibles á hora de comprar os billetes para ir"

Concretamente son 32 os trens que non circulan hoxe en Galicia: 20 deles con percorrido dentro da nosa comunidade, seis de longa distancia, e tampouco circulará o tren hotel nin os que nos conectan con Euskadi ou O Porto. Os paros coinciden coas franxas de maior actividade. Concretamente entre as 12 e as 4 da tarde, e entre as oito e as doce da noite. "Si que é certo que están cancelando trens moi frecuentados. Tiven que vir máis tarde do que quixera"

Máis aló das esperas que enchen os ocos das estacións, habitualmente máis baleiras, a xornada está a transcorrer sen incidencias destacables polo momento. "Tiñamos previsto ir a Pontevedra, viñemos con tempo e o señor non nos puxo ningún problema".

Para os viaxeiros afectados, Renfe permítelles anular ou cambiar o seu billete sen custo adicional, e se o prefiren poderán ser recolocados nalgúns dos trens dispoñibles.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019