CRTVG

Buscar

30 aniversario da caída do muro en Berlín con mensaxe europeísta

Publicado o 09/11/2019 20:58

Era a noite do 9 de novembro de 1989, hai 30 anos, cando o muro de Berlín comezou a esboroarse e con el o bloque soviético. A mediodía, baixo un ceo chumbizo, a chanceler alemá, Angela Merkel, actuaba como mestra de cerimonias no Memorial do Muro, situado na Bernauer Strasse, a rúa que marcou a división non só entre alemáns, senón tamén entre dous bloques xeopolíticos: o dos aliados occidentais e o comunista. A chanceler e varios dignatarios do Leste participaron nunha ofrenda floral e colocaron candeas conmemorativas rodeados de rapaces nun intento de simbolizar a conexión interxeracional neste aniversario.

Despois, os mandatarios, entre eles os presidentes de Polonia, Hungría, Eslovaquia e a República Checa dirixíronse á capela da Reconciliación, que lles rende homenaxe aos que morreron tentando cruzar o muro. Alí Merkel pronunciou un discurso de calado.

"Ningún muro é tan alto e tan ancho que non se poida romper", dixo a primeira ministra, que apostou por "loitar a prol dos valores europeos", en concreto pola "democracia, os dereitos humanos e a tolerancia". Merkel lembrou que noutro 9 de novembro, neste caso de 1938, se desatou a noite dos cristais rotos, na que os nazis destruíron sinagogas e comercios xudeus.

As celebraciós continúan esta noite na porta de Brandemburgo cun acto multitudinario, no que se pode ver unha instalación flotante con miles de mensaxes de persoas sobre a caída do muro e o futuro de Alemaña e Europa. Un concerto da Quinta Sinfonía de Beethoven, ou "Sinfonía do Destino", que dirixe Daniel Barenboim, pon o punto final á xornada neste espazo emblemático.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2019