CRTVG

Buscar

298 mulleres foron asasinadas en 2017 na Arxentina en crimes machistas

Publicado o 31/01/2018 15:21

 

O 2017 foi outro ano negro na Arxentina para as mulleres con, polo menos, 298 vítimas da violencia machista. O país que popularizou o berro de 'Nin unha menos' non é capaz de frear estes crimes que deixan case unha asasinada por día. Cristina Terceiro.

Pasan os meses e o certo é que os índices de violencia machista na Arxentina non descenden. 

Durante o 2017 foron asasinadas, cando menos, 298 mulleres, segundo o Observatorio do Movemento 'Nin unha menos'. Iso quere dicir que cada 29 horas o país suramericano rexistraba unha nova vítima mortal, e no que vai de ano as estatísticas non melloran. 

As organizacións sociais denuncian unha falta de prioridade política por parte do Goberno para erradicar esta eiva, cun presuposto ínfimo dende o 2009. A lei está, aseguran, pero seguen sen garantir a súa aplicación. De feito, un 18 % das falecidas realizara a denuncia, e un 12 % mesmo tiña medidas de protección ditadas pola Xustiza.

Os 312 nenos orfos son as outras vítimas, xeralmente invisibilizadas, destes crimes machistas que nun 90% executan homes do seu círculo íntimo. 

O informe, realizado en base á análise dos medios gráficos e dixitais do país, deixa entrever unha problemática moito maior no vasto territorio arxentino.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2018